A primeira parte desta sesión dedicámola a completar o
tema das programacións didácticas. Neste caso tratábase de analizar a formación
de inglés para adultos, concretamente a formación específica das Escolas
Oficiais de Idiomas (EOI). Unha vez mais usamos á fórmula do documento
compartido en Google Docs e comparamos programacións de distintas escolas. Como
xa comentei na miña entrada anterior, a creación dun documento conxunto paréceme
unha forma axeitada e áxil de traballar en grupo, especialmente cando estamos
comparando distintos elementos.
A segunda parte da sesión centrouse na metodoloxía CLIL/AICLE.
Esta metodoloxía empezou a usarse nos anos 90 e xorde como explicación e
identificación das metodoloxías que integraban linguas a través de contidos
doutras áreas. É dicir, consiste na «aprendizaxe simultánea de contidos e dunha
lingua estranxeira» (Marsh, 1994). Os principios metodolóxicos nos que se basea
este sistema establecen que a lingua se usa para aprender contidos, mais hai
que aprender a lingua para comprender e comunicar; que a materia determina o
tipo de lingua a empregar e que a fluidez é máis importante que a precisión
lingüística. As características desta metodoloxía son que o ensino se centra no
alumnado, que a ensinanza debe ser flexible e facilitadora, que a aprendizaxe
debe ser interactiva e autónoma e debe estar enfocada a procesos e tarefas.
Outra das características é a andamiaxe ou scaffolding.
Este é un concepto clave nas teorías educativas recentes, provén das teorías de
Vigotsky (1978) e parte do que el chamaba Zona de Desenvolvemento Próximo. Basicamente
é a gama de habilidades que unha persoa é capaz de realizar con asistencia,
pero que aínda non é capaz de facer de forma independente. Dodge (2001)
describe tres tipos de andamiaxe: de recepción, de transformación e de
produción.
Á hora de defender o uso desta metodoloxía podemos ter en
conta diversos puntos de vista: lingüístico, de contidos, cognitivo, cultural e
de mellora no centro educativo. Trátase dun enfoque plurilingüe, dun modelo
integrado de contidos e linguas que emprega tarefas e susténtase na
interdependencia das linguas. O PLC debe incluír unha sección no que se
identifiquen as competencias básicas e os obxectivos e nel deben decidirse os contidos e
materiais que identifican os aspectos lingüísticos e as competencias asociadas.
Cando se elabora a programación dun curso concreto é necesario ter en conta ás
necesidades do alumnado e adaptar a
lingua ás mesmas. Outro aspecto relevante é o papel do profesorado nos centros plurilingües. Os
profesores de lingua estranxeira (chamados de lingua adicional) pasan a ser
auxiliares dos profesores das materias específicas e actúan como coordinadores
dos aspectos lingüísticos. O último apartado da unidade fai referencia á
secuenciación do traballo da aula. McLaughlin (1987) fala de tres fases: de
exposición (input), de asimilación (intake) e de produción (output). Furlong (2005) dividiu o
traballo de aula en cinco fases: de sensibilización, de investigación, de
desenvolvemento, de consolidación e de síntese. Os profesores deben seguir unha
serie de pasos para poder integrar contidos e linguas: presentar os obxectivos,
desenvolver rutinas, ter en conta os coñecementos do alumnado, prestar atención
ás palabras clave, priorizar as TIC, explicar as instrucións con claridade,
fomentar o uso de diversos recursos, fornecer andamiaxe ou apoio e empregar a
revisión e o reforzo de maneira cíclica.
Despois de traballar este tema, pasamos á lectura do
documento EDUlingüe, publicado polo Consello de Xunta, que pretende impulsar «a
aprendizaxe das linguas estranxeiras en todas as etapas educativas con fin de
favorecer un dominio completo do idioma.» O fin último é alcanzar en 2020 que
o 100% dos centros sostidos con fondos públicos de ensino obrigario sexan
plurilingues. A estratexia prevé máis formación do profesorado.
Despois da lectura deste documento iniciamos un debate no
que saíron varias voces críticas con este tema, entre elas a miña, por
consideralo un proceso excesivamente ambicioso e pouco realista. Coido que á
hora de desenvolver este tipo de plans nos que se vai empregar moito diñeiro
público é necesario valorar ben todas as dificultades e a posibilidade real de
implantación. Non podemos esquecer que a realidade lingüística e cultural en
España difire moito da que se dá no norte de Europa. Os cambios deben ser
paulatinos. Non me parece mal que se intente traballar polo plurilingüismo,
pero considero que os profesores non están preparados para ensinar as súas
materias noutra lingua. Talvez, iso sexa máis factible nas próximas xeracións
de profesores. Non hai estudos que avalen a eficiencia da aplicación deste
sistema, nin tampouco que avalen o contrario, pero a percepción de moitas
familias e de moitos profesores é de que a calidade do ensino se ve afectada. Os
profesores senten unha presión tremenda por obter un certificado que lles
permita traballar, pero iso non os cualificará para poder facelo con calidade,
o que lles crea unha frustración considerable.
Considero máis interesante investir na propia formación
de idiomas directamente, ampliando horas, facendo intercambios, traballando cos
nenos de xeito moito más amplo en infantil. Está demostrado que o proceso de
aprendizaxe é moi diferente cando se chega a idade adulta, mesmo na adolescencia.
Para que a interculturalidade e o plurilinguismo sexan reais, habería que
empezar moito máis cedo. Non teño a solución máxica, pero creo que o camiño hai
que facelo paseniño.
Outro aspecto complicado é que pasa coa cultura de noso.
¿É verdadeiramente necesario sacrificar a nosa propia cultura a favor dunha
cultura allea? Se aprendemos a identificar os conceptos (matemáticos, científicos…)
noutra lingua, estaremos favorecendo un analfabetismo na nosa propia lingua ou
linguas maternas. Por outra banda, fálase de plurilinguismo, pero en realidade,
a única lingua que se potencia é o inglés, que é o que demandan as empresas. En
certo modo, paréceme un eufemismo dunha «colonización» lingüística, económica e
cultural. Talvez, a única lingua que falemos no futuro sexa o Spanglish, xa que
o español tamén é unha lingua moi demandada, pero iso xa pertence a outro
debate…
Con todo, estou a favor da aprendizaxe de linguas. Parece que ese sistema funciona noutros países. Estou de acordo en que debemos
aprender da experiencia allea, pero sempre tendo en conta a nosa singularidade.
É necesario que vexamos a nosa sombra reflectida na parede.






No hay comentarios:
Publicar un comentario