martes, 20 de febrero de 2018

DIARIO: DEBATE FINAL CON ANA E LUZ



                Esta última sesión foi dedicada ao debate sobre tres cuestións que en ocasións presentan certa controversia. Aínda que neste caso, en xeral, non houbo voces discrepantes, senón máis ben comentarios con diversos matices. Estes tres temas son o uso da lingua estranxeira de forma vehicular durante as clases, deberes si ou non e o uso da tecnoloxía, especialmente do móbil, nas aulas.
                É evidente que o uso da lingua estranxeira constantemente nas aulas ten un beneficio innegable, aínda que non me parece mal utilizar puntualmente como apoio a lingua materna, especialmente para contrastar expresións ou estruturas similares para axudar aos alumnos a facer un paralelismo. Foi moi interesante a observación de Doris de que moitas veces é a incapacidade ou falta de pericia do profesor a que en certo modo nos fai refuxiarnos na lingua primeira. Entoo un mea culpa pensando nas miñas primeiras clases. De todos os xeitos, en moitas ocasións tiven que empezar de cero con adultos e, francamente, é moi difícil manter o uso constante da lingua estranxeira sen notar o sentimento de frustración nos alumnos.


                Con respecto aos deberes, aínda que estou a favor de que os nenos xoguen e non estean escravizados todas as tardes cunha morea de exercicios, tamén me parece que un apoio na casa é sempre necesario. É certo que é importante que os nenos o pasen ben nas clases, pero non debemos esquecer que calquera proceso de aprendizaxe pasa por un esforzo individual. É necesario un momento de soidade, de reflexión e de práctica sobre o aprendido para que pouco a pouco vaia ocupando un espazo no noso cerebro. Do mesmo xeito que un instrumento se aprende practicando, unha lingua ou calquera outra materia requiren dunha parte memorística, para a que é necesaria a repetición. Así que, a miña conclusión é: mesura. Hai tempo para todo. E hai que ter en conta tamén que os nenos con dificultades teñen o seu propio ritmo. Non creo que necesariamente todos os alumnos teñan que facer exactamente as mesmas tarefas. Son partidaria de personalizar os deberes na medida do posible.


                Por último, o uso das tecnoloxías, especialmente do móbil, foi o único tema que suscitou algunhas dúbidas. En xeral, considero que a tecnoloxía pode ser unha aliada magnífica. Se non podes co inimigo, únete a el. Hai pouco lin un artigo sobre un profesor de historia en Andalucía que usaba o Whatsapp para as súas clases, creando diversos grupos que representaban unha etapa da historia ou un país, etc. Paréceme unha forma moi intelixente de captar a atención dos alumnos. Iso sí, é importante ter un control estrito sobre o uso dos móbiles na aula, porque é moi doado que unha clase se desmande se non tes a suficiente autoridade.




                En xeral, a miña conclusión despois do debate é que é importante ter en conta todos os puntos de vista, ser flexible e estar aberto ás suxestións dos demais. Todos podemos e debemos aprender das experiencias dos demais. Os profesores somos precisamente os que debemos estar aprendendo constantemente.




DIARIO: SESIÓN CONXUNTA ANA E LUZ


Nesta sesión conxunta traballamos distintos aspectos. Por unha banda, con Ana falamos do CLIL e dos auxiliares de conversa, mentres que con Luz traballamos sobre as titorías e o PMAR.
Con respecto á metodoloxía CLIL mantivemos un debate na clase. En xeral, os alumnos tiñamos unha actitude bastante escéptica con respecto á ilusión de Ana. Probablemente os exemplos ou referencias que nós temos non coinciden en absoluto coa experiencia persoal e profesional de Ana. Con todo, non se trata de analizar exemplos ou situación concretas senón de valorar a súa utilidade máis alá das nosas opinións.



A pesar desta introdución, o certo é que este é un espacio de reflexión, así que compartirei a miña, aínda que admito que poida estar equivocada. Paréceme interesante e útil contemplar a aprendizaxe de xeito transversal baseándonos nas teorías da andamiaxe e a zona desenvolvemento próximo de Vigotsky. Tamén considero relevante tomar en consideración as experiencias en países veciños. De todas formas, e a pesar de ser profesora de inglés, sigo sen ver claro por que o obxectivo xeral ten que ser a aprendizaxe de linguas, por riba das outras materias.



O MCER pretende establecer un estándar europeo e fala de plurilingüísmo e interculturalidade. Unha vez máis a teoría paréceme interesante, pero na práctica a única lingua que realmente se potencia é o inglés. Detrás de cada lingua se agocha unha cultura, as sociedades evolucionan e as linguas con elas. Se falamos galego ou castelán é indubidablemente porque os romanos estiveron por aquí unha boa tempada, pero sigo resistíndome a esa invasión cultural (películas, series, videoxogos…) e lingüística. Encántame o inglés, e creo que é necesario e mesmo imprescindible hoxe en día, pero non me gusta utilizar anglicismos se podo usar unha expresión en galego ou castelán e tampouco creo que sexa necesario prescindir dunha cultura de noso. Curiosamente moitos dos que defenden que os seus fillos aprendan en inglés, escandalízanse porque os seus fillos aprendan outras materias en galego, porque «iso non serve para nada». É ese concepto de utilidade o que non me acaba de convencer. Paréceme que hai moito de política en todo este asunto.



Con todo, é posible que non estea sendo obxectiva e vou darme a oportunidade de estar equivocada. Seguirei o consello de Ana e tratarei de ser positiva e buscar un ángulo diferente para ter unha visión máis ampla sobre este tema.



Con respecto á clase de Luz, tratamos un tema que me pareceu realmente necesario, as titorías e o PMAR. Para min foi unha sesión especialmente emocionante porque me lembrou o que me levou a dedicarme ao ensino. Especialmente a parte dedicada ao PMAR. Dende moi nova comecei axudando aos meus compañeiros e veciños con dificultades, de aí pasei ás academias e foi esta experiencia a que me fixo pensar no importante que é axudar a todos eses rapaces que necesitan basicamente que alguén lles faga crer que son capaces e lles suba a autoestima. Aínda que pensei moitas veces en dedicarme a outra profesión que non fose a docencia, a verdade é que finalmente foi sempre un fío condutor na miña vida que nunca me abandonou. Co tempo descubrín que moitos adultos necesitaban tamén esa palmadiña nas costas para superar moitas frustracións que arrastran dende a fase escolar.



En definitiva, paréceme que precisamente un mestrado que nos habilita para ser profesores debe axudarnos a prepararnos para ser capaces de traballar non só para os alumnos cómodos, senón tamén para este tipo de alumnado do que tanto podemos aprender nós.


Tamén a titoría me parece especialmente relevante porque se poden traballar cos rapaces cuestións moi diversas e moi necesarias: acoso escolar, problemas familiares, drogas, etc.
Para a miña actividade pensei en traballar a concienciación sobre as distintas discapacidades. Para iso pediríalles aos alumnos que probasen distintas situacións. En primeiro lugar, pediríalles a todos que fixesen varios círculos (en grupos de 5 aproximadamente). De xeito individual, estes alumnos deberían tapar os ollos cun pano e tratar de moverse na zona da aula que lles corresponda. Deberían intentar chegar ata unha mesa, sentar, coller os libros, erguerse de novo, dar uns pasos. O papel dos compañeiros sería o de evitar calquera tropezo ou dano físico. A continuación, terían que probar a andar cunha soa perna. Sempre de xeito individual por grupos para que todos poidan sentir as dificultades. A seguinte opción sería que puxesen uns auriculares con música moi alta (para poder simular sordeira) e que tratasen de comunicarse con xestos cos seus compañeiros. Despois pediríalles que intentasen ler un libro empezando polo lado dereito da páxina e cara á dereita. Outra actividade que se podería facer despois con toda a clase é un Kahoot con preguntas moi complexas nun tempo moi breve, que a todos lles resultasen especialmente difíciles para que comprendan como se senten aqueles que necesiten aprender a outro ritmo. Por último, preguntaríalles como se sentiron eles durante a actividade e intentaría establecer unha conversa sobre o tema e aclararlles as dúbidas que lles fosen xurdindo.
A idea é que os alumnos reflexionen e se conciencien das dificultades reais ás que se enfrontan moitas persoas cada día. 







martes, 13 de febrero de 2018

DIARIO: TERCEIRA SESIÓN CON LUZ


                A escrita é a gran esquecida nos procesos de aprendizaxe, pero non só na aprendizaxe de linguas, senón no sistema educativo en xeral. A miúdo, os problemas que presentan os alumnos son cuestión de base, algo tan sinxelo coma saber que nunha redacción debe haber polo menos tres elementos clave: unha introdución, o desenvolvemento propiamente do tema e unha conclusión. Así que, ás veces, é necesario facer un recordatorio da estrutura básica e, sobre todo, explicar que os textos teñen vida propia. Dende o principio ao final debe haber un fío condutor, unha idea clara do que se quere dicir. Cando sabes o que queres dicir, é máis doado atopar as palabras. Por exemplo, nos nosos blogues. O máis difícil non é redactalos, senón atopar a idea, sen que sexa un calco das entradas anteriores, que resulte minimamente orixinal ou, cando menos, interesante.


                Volvendo á aprendizaxe de linguas, normalmente os textos cos que ten que traballar un alumno en inglés son os essays (descriptive, discursive or argumentative), articles, emails or lettesr, reviews e reports. É importante que os alumnos saiban cando deben dar a súa opinión e cando non, que tipo de linguaxe é a máis axeitada, o rexistro, a necesidade de engadir título ou subtítulo, a necesidade de incluír exemplo; no caso dos correos ou cartas, as típicas fórmulas de saúdo e despedida. Ademais, sería conveniente entregarlles unha lista de conectores, explicarlles cando se deben usar, etc. En definitiva, os profesores deben achegar toda esa información aos alumnos, traballar os tipos de textos por separado e incluír moitos exemplos que lles sirvan aos alumnos de referencia.


                Unha vez aclarados os aspectos formais, hai outro aspecto igual de relevante ou talvez máis: a creatividade. Coido que ese é un traballo previo esencial. Precisamente para axudar aos alumnos a atopar esas ideas é bo traballar con eles, axudarlles a descubrir a súa propia capacidade. Desmitificar e «liberar» os prexuízos que ás veces nos impiden escribir con liberdade. Para iso son moi útiles todos os recursos que estivemos vendo na clase. A miña proposta de actividade vai nesa liña. De feito, púxena en práctica hai tempo con dous grupos distintos e en ambos casos funcionou moi ben e lles serviu de estímulo. Trátase dunha actividade para facer na casa, aínda que despois o resultado final se compartirá na clase con todos os alumnos.


A idea é moi sinxela, similar ás comentadas na aula. Despois de escoller unha orde de alumnos (ao chou, utilizando a orde alfabética, etc.), eu entrégolle unha primeira liña do texto ao primeiro alumno. Este ten que completar un parágrafo enteiro e despois debe enviarllo ao seguinte da lista por correo e a min en copia. O segundo alumno debe escribir un novo parágrafo e enviarllo ao seguinte (tamén a min) e así sucesivamente, pero o alumno que continúa a redacción só pode ver o que escribiu o compañeiro anterior, nunca o texto completo que se vai formando entre todos. Eu son a que vai unindo todos os parágrafos. Nunca clase de moitos alumnos, talvez escribir un parágrafo sexa demasiado, un par de liñas pode ser suficiente. O resultado final sempre é moi divertido porque a historia vai variando dun xeito extraordinario, dependendo da imaxinación dos alumnos. Evidentemente hai elementos sen sentido, inconexos, pero iso mesmo é o que lles fai reflexionar sobre o que comentaba ao principio, que o máis importante á hora de escribir é ter unha idea. Paréceme unha forma orixinal de traballar o concepto de cohesión e coherencia para que realmente comprendan o que iso significa. Ademais tamén fomenta a responsabilidade porque como todos queren saber como continúa a historia, entre eles mesmos recordan aos que faltan que completen a súa parte.


O texto final lese en voz alta na clase, entrégase ao todos os alumnos unha vez rematado, tamén se pode expór no taboleiro da clase. Failles moita gracia comentar os detalles entre eles e pásano moi ben durante a lectura. Un complemento á actividade podería ser pedirlles que intentasen «corrixir» ese texto e darlle outra forma, ou crear eles unha historia paralela completa, partindo da mesma frase inicial. Hai moitas variacións posibles para lograr desinhibir aos alumnos antes de entrar nos aspectos máis formais das redaccións.



martes, 6 de febrero de 2018

DIARIO, SEGUNDA SESIÓN CON LUZ




Nesta segunda sesión, centrámonos no enfoque comunicativo, concretamente nas actividades orais. Hai moitas actividades que se poden levar a cabo na aula para traballar as destrezas orais. A continuación vou listar unha serie de actividades diversas por tipos. Por exemplo, podemos preparar actividades baseadas no xogo dramático (role plays), actividades baseadas na aprendizaxe cooperativa (ex.: repártese información entre os membros da clase e entre todos teñen que recompoñer a historia completa), actividades baseadas na interacción grupal (ex.: o mercado, os alumnos pasean pola aula, e a un sinal, teñen que parar e empezar a falar co compañeiro que teñan ao lado), actividades baseadas en xogos lingüísticos (adiviñanzas), actividades baseadas en respostas (conseguir a información que falta para solucionar un problema), actividades baseadas en historias ou relatos (falar de recordos, por exemplo a partir dunha fotografía), actividades baseadas en obxectos ou sons (describir os obxectos, adiviñar a procedencia do son), actividades baseadas en distintos tipos de situación máis ou menos formais (entrevista), actividades baseadas en noticias de prensa ou textos literarios. 


Non debemos esquecer o apoio da tecnoloxía (sempre como ferramenta, nunca como obxectivo en si mesma), como a creación dun programa de radio ou a gravación de Podcasts. Mesmo gravar unha pequena representación teatral baseada nunha obra adaptada pode resultar estimulante. Aínda que neste caso xa estariamos a falar de proxectos.  



En xeral, o que temos que ter en conta é a necesidade de planificar ben a tarefa. Por unha banda, traballar co vocabulario ou cunha estrutura sintáctica específica a través da repetición (ex.: Have you ever…?), pero principalmente centrarnos na interacción, en conseguir desenvolver situacións comunicativas reais, de xeito que os alumnos identifiquen que teñen unha utilidade para a súa vida. Por iso, é importante escoller aqueles temas que lles poidan resultar máis interesantes ou atractivos. Xa sabemos que as películas e as series non fallan, os xogos de rol ou os mistery games (tipo Cluedo) tamén poden dar moito xogo.  A diversión tamén é útil, forma parte da vida e ademais axuda a desenvolver o pensamento lateral. 




A miña proposta de actividade está pensada para alumnos de secundaria, aínda que podería ser perfectamente aplicable aos de bacharelato, está enmarcada como warm-up ou como unha posible actividade para facer despois dunha sesión algo máis dura, a modo de recompensa, ou para unha ocasión no que o grupo estea especialmente desmotivado.  Trátase de resolver un enigma. Eu amosaríalles esta foto:

A continuación, explicaríalles que esa imaxe pertence a un esqueleto que foi atopado con ese pau na man nunha illa deserta e os alumnos teñen que adiviñar como morreu o propietario da osamenta.  
Os alumnos poderían facerme todas as preguntas que considerasen oportunas pero eu unicamente contestaría si ou non, é dicir, terían que traballar basicamente as oracións interrogativas pero empezando directamente co verbo auxiliar (did) ou co verbo to be en pasado. No encerado eu iría anotando o posible vocabulario que iría saíndo a medida que os alumnos fosen suxerindo posibilidades. Se despois dun tempo, non desen coa solución nin se achegasen un pouco, empezaría a darlles pistas.  


É importante promover a participación de todos, especialmente dos máis tímidos. Os alumnos deben divertirse, pero sempre mantendo o control sobre a clase. Podería ofrecerse algún tipo de premio ao gañador, coma por exemplo, exención de deberes ese día, algo que os animase a participar. 
Unha vez descuberto o enigma, preguntaríalles se lles gustaría repetir a actividade outro día. Nese caso, proporíalles como actividade para a casa que buscasen eles mesmos un enigma e o preparasen. Poderían usar unha imaxe ou unha frase explicando a situación, deberían preparar as posibles pistas por se ninguén fose capaz de resolverlo e terían que ser eles os que contestasen si ou non ás preguntas dos seus compañeiros. A actividade podería ser grupal ou individual. As pistas poderían incluír mímica ou palabras clave. E, de paso,  xa temos unha serie de actividades de recheo preparadados  para outras ocasións similares.





Por certosaberías explicar como morreu o noso protagonista?