Nesta entrada vou facer un breve resumo das dúas últimas unidades
da materia. O tema sete versa sobre o proceso de ensino-aprendizaxe de linguas
estranxeiras en España en comparación con países da nosa contorna. Se
temos en conta as valoracións do Eurostat ou os da OCDE (informe PISA), a España
aínda lle queda moito por mellorar. Os alumnos españois ocupan o posto 35. A
modo de resumo poderíamos destacar unha serie de problemas no noso ensino: por
unha banda parece que non está moi claro o papel da ESO, entre primaria e bacharelato.
Ademais, a falta de homoxeneidade nos niveis dos alumnos supón un problema para
moitos profesores. Outro problema engadido sería a falta dun profesorado
cualificado en secundaria e a falta de consolidación nos equipos docentes. Neste
tema tamén se fai unha comparativa con Finlandia, país de referencia no tema
educativo.
Algún dos elementos máis destacables do seu sistema serían a figura
do profesor, que é unha das profesións máis valoradas, o que tamén supón un
forte investimento na súa formación; outro aspecto relevante é a gratuidade da
educación, e toda a estrutura social e de apoio que a rodea. Sería interesante
estudar se o modelo finés é exportable
ao noso sistema. Habería que empezar por unha conciliación real por
parte das familias da súa vida laboral e familiar, polos permisos de
maternidade e paternidade (obrigatorios para favorecer a igualdade real), polas
axudas económicas ás familias. Outro cambio esencial sería a formación dos
profesores, tanto de primaria como de secundaria. Este debería ser un aspecto
fundamental na nosa axenda. Non só é necesario establecer unha educación de
calidade e máis esixente nas universidades, senón que hai que ter en conta que os
profesores necesitan apoio e formación continua ao longo da súa carreira
profesional. Paréceme moi interesante que en Finlandia sexan os profesores
experimentados os encargados de apoiar e axudar aos novos. A experiencia é
valiosísima, porque da teoría á práctica sempre vai unha gran diferencia. Todo
isto redundaría nunha mellora da percepción da figura do profesor e nunha maior
calidade no ensino. Coido que a sociedade ten que aprender a valorar o
importante que é a educación, pero iso é un labor de todos.
Polo que se refire ao
estudo de linguas, só un breve apuntamento. O feito de que en Finlandia, coma
noutros países, non se dobren ás películas resulta un apoio innegable. De todas
formas, unha vez máis quixera destacar a nosa singularidade. A dobraxe de
películas en España tivo un papel moi importante na modernización do noso país despois
da «longa noite de pedra» vivida. Aínda que tamén é certo que nese período serviu para poder censurar os contidos que non se consideraban apropiados. É dicir, hai razóns históricas e culturais que xustifican a utilización da dobraxe en España. Hoxe en día, coa educación
universal e a chegada de Internet e as novas tecnoloxías, a situación é moi
diferente. Calquera ten acceso ás películas ou series na súa lingua orixinal e
é unha oferta cada vez máis utilizada. Con todo, aínda nos queda moito por
diante para igualarnos aos nosos veciños.
Por último, vou facer un
breve repaso do tema 8, que trata sobre os diferentes enfoques do ensino-aprendizaxe de linguas ao longo da historia:
- - Gramática e tradución
- - Directo e natural
- - Oral e situacional
- - Por tarefas
- - Audiolingüe
- - Comunicativo
- - Resposta física total
- - Do silencio
- - Suxestopedia
Coido que despois dunha breve análise de todos estes
modelos unha conclusión (moi simple sen dúbida) é que ningún é perfecto. Cada un intenta achegar algo novo
para paliar as carencias dos sistemas anteriores. En xeral, o enfoque
comunicativo e a oralidade é o elemento destacable e común a moitos deles. Considero
que habería que facer unha comparativa máis precisa, tendo en conta o contexto
socio-económico no que foron aplicados estes sistemas, o número de alumnos, os
métodos de avaliación e a formación do profesorado. É dicir, ata que punto se
aplicaron estes métodos correctamente ou en situacións similares. Son demasiadas variables para poder facer unha
comparación xusta. En definitiva, paréceme que é moi interesante que, como futuros profesores
de secundaria, teñamos en conta todo este abano de posibilidades para intentar
atopar a nosa propia forma de dar en clase, tendo en conta ás necesidades reais
dos nosos alumnos.
Referencias:
PISA – Programme for International Student
Assessment. http://www.oecd.org/pisa/pisaenespaol.htm
Aula Planeta: Las diez claves de la
educación en Finlandia
Hernández Reinoso, Francisco Luis. Los métodos de enseñanza de lenguas y las teorías de aprendizaje http://encuentrojournal.org/textos/11.15.pdf
Cabrera Mariscal, Marta. Revisión de los diferentes enfoques y métodos existentes a lo largo de
la historia para la enseñanza de lenguas extranjeras. TFG. http://tauja.ujaen.es/bitstream/10953.1/890/7/TFG_CabreraMariscal,Marta.pdf
Otero Bravo, Cruz. Enfoques
y métodos en la enseñanza de lenguas en un percurso hacia la competencia
educativa: ¿Dónde entra la gramática? CVC https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/asele/pdf/09/09_0422.pdf
Campillo,
Santiago. ¿Por qué se dobla el cine en España y en otros países
no?
No hay comentarios:
Publicar un comentario