As programacións didácticas
Nesta
clase traballamos o tema 5 da materia As
linguas estranxeiras no contexto español e internacional. Este tema trata
sobre as programacións didácticas vixentes na ESO (LOMCE), Bacharelato (LOMCE),
FP (LOE e LOMCE) e Escolas Oficiais de Idiomas (LOE).
En
primeiro lugar empezamos cunha actividade coa aplicación Kahoot. A actividade
consistía nunha serie de preguntas sobre as programacións, as responsabilidades
dos centros, das Comunidades Autónomas e as estatais. Foi moi interesante
porque nos evidenciou, ou polo menos a min, que aínda temos moitas dúbidas en
determinadas cuestións que cremos saber e que temos que repasar os contidos e
aclarar as dúbidas. Creo que como actividade de autoavaliación é moi
interesante e completa. Aínda que en termos xerais as respostas foron
axeitadas, houbo bastantes erros por parte de todos. Coido que este tipo de actividades
interactivas resultan entretidas e axudan a prestar atención. Ademais, aplicadas
nun contexto de secundaria, o feito de competir pode resultar un estímulo
interesante. Ao tratarse dunha competición «anónima», non deixa a ninguén en
evidencia, unicamente se desvela ao gañador, o que tamén me parece salientable.
A
continuación, fixemos unha actividade grupal en pirámide para decidir cales son
os elementos máis importantes nunha programación entre todos. Unha vez feita,
ao igual que fixemos na clase anterior pasamos a traballar nun documento
conxunto en Google Docs chamado Observación
programacións. Os alumnos dividímonos en grupos e tivemos que escoller un
centro público e buscar unha programación didáctica para facer as observacións
que considerásemos oportunas sobre elas, entre outros aspectos tiñamos que
indicar se se axustaba aos parámetros esixibles nunha programación (para iso
contábamos cun documento de axuda repartido na clase) e se aparecían citadas as
fontes de información, tamén tiñamos que facer unha breve descrición dos
contidos e unha valoración xeral dos aspectos a destacar.
No
caso do noso grupo escollemos ao chou unha programación didáctica do IES Santa Irene, que
resultou ser moi completa e un modelo a seguir, pero foi interesante descubrir
que as programacións dos centros escollidos polos nosos compañeiros non o eran
tanto, mesmo nalgún caso se trataban de programacións moi deficientes.
Paréceme
moi importante ler e observar programacións diversas para poder entender dun
xeito máis claro como debe ser realmente unha programación. Resulta moi útil
ter un exemplo do que se debería facer e o que non. Son moitos os elementos que
se deben incluír e resulta tremendamente sinxelo deixar algo atrás. Creo que a
elaboración dunha programación didáctica é un labor complexo, minucioso e
laborioso e ten que ser así pola relevancia que ten. Con todo, aprender a
facela é unha cuestión de práctica e tempo. Coido que como estudantes do
mestrado, este é probablemente o apartado que nos resulta máis difícil de levar
a práctica. Por esta razón esta actividade me pareceu moi interesante e útil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario