domingo, 10 de diciembre de 2017

DOSIER - Tema 4: Deseño curricular


Tema 4: Deseño curricular




Nesta clase traballamos o tema 4 da materia As linguas estranxeiras no contexto español e internacional. Este tema trata sobre o deseño curricular, os elementos do currículo, as súas competencias básicas, as competencias das materias de linguas estranxeiras na ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Escolas Oficiais de Idiomas, os graos de concreción curricular e as referencias lexislativas.
Para traballar estes conceptos utilizamos un documento conxunto aberto en Google Docs chamado Cuestionario: As linguas estranxeiras no currículo da LOMCE. Os alumnos dividímonos en grupos para contestar ás preguntas do cuestionario. Cada grupo tiña que buscar información específica para completar os apartados seguintes:

- As linguas estranxeiras na LOMCE (principios metodolóxicos e obxectivos xerais)
- As linguas estranxeiras no Bacharelato (principios metodolóxicos e obxectivos xerais)
- As linguas estranxeiras na organización da ESO (1ª e 2ª lingua estranxeira)
- Características xerais de avaliación das linguas estranxeiras de ESO na LOMCE.
- As linguas estranxeiras na organización do bacharelato (1ª e 2ª lingua estranxeira).
- Características xerais da avaliación das linguas estranxeiras do bacharelato na LOMCE.
- Estrutura xeral da Formación Profesional.
- A distribución competencial da ordenación da FP.
- As linguas estranxeiras na FP básica (módulos, materias, horas, currículo, obxectivos xerais, avaliación)
- As linguas estranxeiras nos ciclos formativos de grao medio e superior (LOE) (Estrutura, currículo, profesorado)

Para esta actividade era imprescindible o uso dos nosos portátiles, móbiles ou tabletas e o acceso a Internet para poder acceder ao cuestionario. Ademais, os alumnos tiñamos en Faitic varios enlaces aos documentos necesarios para poder elaborar a tarefa encomendada, así como a posibilidade de consultar calquera dúbida na rede. Ao final, cada grupo tivo que elaborar unha conclusión sobre o traballo feito e comentala na clase.

No caso do meu grupo tivemos que centrarnos nas linguas estranxeiras na FP básica e nos ciclos formativos medio e superior. Non foi doado atopar toda a información necesaria, aínda que finalmente conseguimos ir enchendo os distintos apartados. A actividade serviunos para coñecer mellor a situación das linguas estranxeiras na formación profesional. Resultou un tanto decepcionante descubrir que os idiomas seguen a ocupar papel secundario.





Creo que este tipo de actividades, coma a que fixemos na clase, son moi interesantes para integrar os conceptos. Moitas veces lemos os documentos ou apuntamentos de clase, pero non chegamos a interiorizar ou asimilar todo o que temos diante. Ao ter a obriga de ler, buscar e seleccionar uns contidos específicos, o esforzo é maior e as posibilidades de fixar o traballado na memoria aumentan. Con todo, é certo que ao centrarse nun apartado en concreto, non prestamos tanta atención aos apartados dos demais. Entendo que esa era a función das lecturas das nosas conclusións. A realización dos debates nas clases é moi útil e necesaria, aínda que resulta complicado as veces «obrigar a alguén a falar». Ao ter que redactar e ler en voz alta as nosas conclusións, dalgún xeito, o alumnado non pode eludir este acto de reflexión, o que me pareceu moi interesante.


No hay comentarios:

Publicar un comentario