viernes, 8 de diciembre de 2017

Cales son os desafíos para os docentes de linguas estranxeiras?

Resultado de imagen de I can't speak English


A presión é grande tendo en conta os obxectivos fixados tanto pola Unión Europea como polo Estado español no proceso de converxencia: mobilidade, desenvolvemento tecnolóxico, calidade, multilingüismo e plurilingüismo. Os docentes deben ter en conta tamén a idade e madurez do alumnado de secundaria, a situación familiar e os desequilibrios económicos e sociais, os problemas de saúde, discapacidade etc.; a necesidade de conseguir resultados externos contrastables nun contexto competitivo, as condicións do mercado de traballo que demandan un coñecemento práctico e eficaz dunha lingua estranxeira, as novas tecnoloxías, a competencia de métodos informais e transversais de aprendizaxe de linguas e a presión doutros bloques lingüísticos no contexto do mundo global. Por outra banda é importante ter en conta o contexto internacional e nacional. As distintas lexislacións que se ven sometidas a dúas forzas opostas: as directivas comunitarias e a multiplicidade de políticas lingüísticas a través dun modelo rexional autonómico.

Non debemos esquecer que en España temos un déficit de coñecemento en linguas estranxeiras. O Estudio Europeo de Competencia Lingüística-EECL(2012)[1] pon de manifesto que España, pese a ser un dos países que anticipa en maior medida a aprendizaxe de linguas estranxeiras, non é dos que obtén os mellores resultados no estudo da primeira lingua estranxeira. Con todo, e pese á tendencia xeral, os resultados relativos á segunda lingua estranxeira son mellores. Para min este é precisamente o problema máis grave. Como podemos conseguir que os estudantes acaden os resultados externos esixidos nun contexto global cada vez máis competitivo? Este déficit de coñecemento repercute negativamente na docencia porque as expectativas de logro por parte dos estudantes e dos propios docentes son baixas. O docente ten que lograr superar dúas barreiras, por unha banda ten que conseguir que os seus alumnos adquiran as competencias esixidas e, por outra, ten que convencerse a si mesmo e a eles de que isto é posible. É moi frecuente que os alumnos traballen a lingua pola súa conta a través das Escolas Oficiais de Idiomas, academias privadas ou profesores particulares. É necesario, por tanto, mellorar a calidade do ensino dende os niveis inferiores para ir pouco a pouco acadando un nivel axeitado e parello ao dos nosos veciños. A aprendizaxe debe ser gradual e proporcionada ao tempo que se lle dedica para poder lograr avances.

Que deben facer os docentes para mellorar a calidade das súas clases? Hai moitos aspectos nos que poden traballar. Deben elaborar as explicacións necesarias para que os seus alumnos os comprendan, empregar materiais complementarios aos libros de texto, ter en conta a organización da clase e crear actividades que fomenten o traballo en grupo e a interacción e as relacións do grupo. Para lograr todo isto é moi importante que os docentes traballen a relación co alumnado dun xeito máis eficaz. É necesario traballar a empatía, a linguaxe corporal, facer unha comunicación efectiva. Os docentes deben ter en conta as referencias a outras linguas, traballar as competencias xerais e transversais, darlle importancia ao proceso de avaliación do alumnado e de autoavaliación. Tamén é desexable que os profesores intenten innovar e ser creativos e que fomenten o uso das novas tecnoloxías. Con todo, non deben esquecer que é necesario ter en conta as limitacións temporais, estruturais e económicas. En definitiva, é un labor arduo e difícil, porque conxugar todos estes elementos non é nada doado.
           
Estamos nun contexto global que esixe un esforzo por parte de toda a sociedade para cambiar os procesos de aprendizaxe. Temos unha presión moi grande por parte da Unión Europea para adaptarnos e mellorar en todos os aspectos, especialmente, na cuestión dos idiomas. Será necesario un tempo para comprobar se a nova metodoloxía será frutífera ou non. Os docentes, máis que nunca, teñen un labor clave e decisivo neste proceso de cambio, é necesario que estean ben formados e que intenten levar a cabo o seu traballo de xeito responsable. Co esforzo de todos, podemos lograr acadar eses logros a nivel internacional e eliminar ese sentimento de complexo, de reparo e vergoña que levamos arrastrando durante anos con respecto a nosa capacidade lingüística. É unha cuestión de tempo, pero é posible.

Resultado de imagen de I can't speak English




[1] La enseñanza de las lenguas extranjeras en el sistema educativo español- Curso Escolar 2012/13  Ministerio de Educación, Cultura y Deporte -   COLECCIÓN EURYDICE ESPAÑA-REDIE

No hay comentarios:

Publicar un comentario