Despois da realización desta sesión, chamoume moito a atención descubrir que en moitos centros as programacións didácticas non se axustaban aos criterios esixidos. Iso demostra que non hai un control exhaustivo por parte das autoridades do que realmente se fai nos centros. Se baseamos a educación pública nuns piares determinados, non ten ningún sentido que non exista o máis mínimo control sobre estes alicerces. Facendo un paralelismo arquitectónico, que edificio resistiría?
A educación en si mesma é un reto, é necesario establecer unhas boas bases sobre as que se poida construír. É necesario un apoio sólido do sistema. Por desgraza, a educación non está no primeiro lugar na axenda política. Normalmente serve como arma arroxadiza entre os diversos partidos políticos. Cada un busca deixar a súa impronta dun xeito bastante irresponsable. Debería haber un acordo serio e firme, respectado por todos. E, sobre todo, deberíase ter en conta que cada novo cambio implica un investimento para poder ser implantado.
En definitiva, a eficacia do sistema parte dende a súa base. De nada serve colocar os embelecedores nunha vivenda que non se pode ter en pé.
No hay comentarios:
Publicar un comentario