Unha das reflexións que me parece máis relevantes con respecto á realización deste mestrado é a importancia da formación do profesorado, en xeral, e de secundaria en particular.
Paréceme moi importante que sexamos conscientes de que a educación pública forma parte dun organigrama complexo. É necesario coñecer todos os elementos que forman parte deste crebacabezas.
Suponse que os coñecementos específicos das nosas especialidades xa os traemos connosco, pero non basta con iso. Ademais de entender a importancia das programacións didácticas e de coñecer e asimilar todas as partes que as compoñen, tamén debemos ser coñecedores das diversas metodoloxías aplicables, neste caso, no proceso de aprendizaxe de linguas. Aquí é onde radica un aspecto fundamental na formación do profesorado, é imprescindible sentar unhas bases sobre psicoloxía evolutiva, sobre pedagoxía e sobre didáctica.
Ademais destes elementos teóricos, outro aspecto relevante é a aplicación práctica destes contidos. Sería moi positivo que houbese charlas diversas de profesores con experiencia que nos puidesen axudar a aclarar as dúbidas e que nos mostrasen a outra cara da moeda. Esa é a parte que nos queda por facer como alumnos deste mestrado.
Con todo, creo que a formación de todo tipo de profesorado debería ser continua. A mellor aprendizaxe sen dúbida algunha é a da propia reflexión sobre un mesmo para aprender a corrixir os erros cometidos e seguir avanzando na profesión.
Paréceme moi positivo que teñamos un espazo de reflexión onde poidamos intercambiar os nosos pareceres e poidamos aprender uns dos outros, porque o compañerismo é outra peza clave no sector educativo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario