Para o desenvolvemento desta aula virtual escollín o
enfoque comunicativo e o enfoque por tarefas ou proxectos, que están vencellados, para poder utilizar
dúas actividades da miña unidade didáctica, tal como se nos requiriu.
Na posta en práctica desta actividade, tiven en conta os
obxectivos de comunicación definidos para as EE. OO. II., xa que a miña unidade
didáctica estaba enfocada a este tipo de centro.
As Escolas Oficiais de Idiomas de
Galicia dividiron o nivel B1 tal como se define no Marco Europeo en dous
niveles: Intermedio 1 e Intermedio 2. As miñas actividades correspóndense a o nivel Intermedio 2.
O currículo de nivel intermedio das ensinanzas de idiomas de réxime
especial ten a finalidade de dar resposta ás necesidades dunha comunicación
eficaz na sociedade actual, plurilingüe e pluricultural.
O proceso de ensinanza e aprendizaxe de idiomas parte dun modelo de lingua
entendida como vehículo de comunicación. Este modelo de ensinanza-aprendizaxe baséase
na concepción da competencia comunicativa entendida como a capacidade de uso do
idioma, que abrangue tanto as competencias lingüísticas, sociolingüísticas e
pragmáticas como a competencia intercultural e a competencia estratéxica.
O docente terá a función de orientar, estimular, prestar a súa experiencia e
aconsellar para que os membros do grupo poidan alcanzar os obxectivos propostos
e poidan desenvolver a súa capacidade de aprendizaxe autónoma.
Na primeira actividade tiven en conta o enfoque
comunicativo do MCERL, no que é necesario traballar as catro destrezas. O Consello
de Europa fomentou este enfoque baseado nas necesidades comunicativas dos
alumnos e no uso de materiais e métodos que lles permitan satisfacer as súas
necesidades e que resulten apropiados para as súas características. O máis
importante é intentar que a aprendizaxe e o uso da lingua se aproxime ao máximo
ao uso real que o falante necesita e, sobre todo, estimular e motivar ao alumno
para conseguir que participe de forma activa no seu propio proceso de aprendizaxe
e entenda que el ou ela será o verdadeiro responsable do logro dos seus obxectivos.
Este
enfoque metodolóxico posibilita que os alumnos e alumnas se impliquen no
proceso de aprendizaxe mediante tarefas deseñadas en función dos obxectivos fixados
para as diferentes destrezas que posibiliten a convivencia de distintos estilos
de aprendizaxe. A finalidade deste enfoque será a activación da variedade de procesos
e habilidades necesarios para levar a cabo as tarefas nas que se realizarán as
actividades de comprensión, expresión, interacción e que englobarán todos os
compoñentes curriculares (os obxectivos, os contidos, a metodoloxía e a avaliación).
A
estratexia metodolóxica empregada en ambas as dúas actividades será a seguinte:
- Partir
da competencia inicial do alumnado.
- Ter
en conta a diversidade: respectar os ritmos e estilos de aprendizaxe.
- Potenciar
as metodoloxías activas e participativas:
o Combinar
traballo individual e cooperativo.
- Uso
da plataforma dixital de apoio (EDMODO).
- Papel
facilitador do profesor/a.
- Traballo
con documentos, textos, prensa, vídeos, etc.
ACTIVIDADE
1: Friendship (Intermedio 2):
Descrición:
Ademais da realización dunha
actividade de fonética e outra de gramática, os alumnos terán que ler un breve
texto introdutorio (apoiado dun listado de vocabulario) sobre a amizade.
Despois os alumnos escoitarán unha canción de James Taylor, You’ve got a friend, e terán que encher
os ocos baleiros coas palabras propostas. A última parte da clase centrarase
nun debate sobre a amizade, coa axuda dunhas preguntas que sirvan de guía. É
importante lograr que todos participen. Ao remate da clase, os alumnos deberán
subir a Edmodo unha reflexión persoal a modo de conclusión sobre o tema. Alí
poderán atopar material de apoio para o tema e actividades realizadas na clase (audios da actividade de fonética, o vídeo da canción escoitada...)
Competencias
xerais: competencia en comunicación
lingüística, competencia dixital, competencias sociais e cívicas, conciencia e
expresións culturais e aprender a aprender.
Obxectivos específicos segundo as
catro destrezas:
- Comprensión oral: seguir as ideas principais dun debate longo que trate de temas coñecidos e previsibles, articulado con claridade e nun nivel de lingua estándar.
- Expresión e interacción oral: empregar estratexias de cooperación para contribuír a manter a interacción e asegurar a comprensión.
- Comprensión de lectura: localizar a información necesaria nun texto extenso, ou en varios, coa finalidade de realizar unha tarefa específica.
- Expresión e interacción escrita: redactar textos sinxelos, coherentes e cohesionados, coidando os aspectos formais e a corrección ortográfica e de puntuación para que sexan comprensibles ao lector.
Contidos por competencias:
Os contidos están establecidos
por áreas temáticas. De entre as áreas obrigadas para as EE. OO. II., esta
tarefa en concreto trata sobre as relacións persoais (friendship).
- Contidos léxico-semánticos: vocabulario relacionado coas relacións persoais.
- Contidos gramaticais: modals, e.g.: must, might, mustn’t, have to, don’t have to
- Contidos ortográficos e fonéticos: representación gráfica de fonemas e sons vocálicos.
Os criterios de avaliación, xunto cos estándares de aprendizaxe, para o
Intermedio 2, seleccionados para esta tarefa son os seguintes:
- Comprensión oral: seguir a información esencial dun debate longo, sempre que o discurso estea articulado con claridade e a velocidade media, en lingua estándar.
- Expresión e interacción oral: interactuar de maneira cooperativa, cunha relativa fluidez, con corrección suficiente e pronunciación claramente intelixible para poder ser comprendido, a pesar do acento estranxeiro.
- Comprensión de lectura: comprender a información relevante dos textos, mediante claves lingüísticas e non lingüísticas.
- Expresión e interacción escrita: comunicar con eficacia as ideas principais que se queren transmitir limitando a mensaxe aos coñecementos que se posúen ou, no seu caso, aos medios de que se dispón.
METODOLOXÍA
POR TAREFAS OU PROXECTOS (Aprendizaxe en cooperación)
A proposta xorde en torno ao ano 1990 como evolución dos
enfoques comunicativos (antes explicados). As súas unidades consisten no uso da
lingua, e non en estruturas sintácticas, en nocións e funcións. O seu obxectivo
e fomentar a aprendizaxe non só mediante a manipulación de unidades e dos seus
niveis de descrición. Unha tarefa consiste en realizar actividades representativas
das que se levan a cabo fóra da aula. As tarefas deben contar cunha
intervención activa e achegas persoais por parte dos alumnos.
ACTIVIDADE
2: A DAY IN THE LIFE
Descrición:
Os alumnos terán que traducir e subtitular a canción dos
Beatles, A day in the life. Para iso
terán que usar a aula de informática. Utilizarán o programa gratuíto de
subtitulación Subtitle Workshop. Daráselles
unhas nocións básicas sobre o pautado en subtitulación. Unha vez finalizado o traballo,
deberán subir a canción subtitulada a Edmodo e, opcionalmente, a YouTube, indicando
en comentarios a autoría da tradución e subtitulación.
Competencias
xerais: competencia en comunicación
lingüística, competencia dixital, competencias sociais e cívicas, aprender a
aprender, sentido da iniciativa e espírito emprendedor e conciencia e
expresións culturais.
Obxectivos específicos segundo as
catro destrezas:
- Comprensión oral: comprender textos audiovisuais ou material gravado cun nivel de lingua estándar e unha trama sinxela e predicible.
- Expresión e interacción oral: empregar estratexias de cooperación para contribuír a manter a interacción e asegurar a comprensión.
- Comprensión de lectura: localizar a información necesaria nun texto extenso, ou en varios, coa finalidade de realizar unha tarefa específica.
- Expresión e interacción escrita: redactar textos sinxelos, coherentes e cohesionados, coidando os aspectos formais e a corrección ortográfica e de puntuación para que sexan comprensibles ao lector.
Contidos por competencias:
De entre as áreas obrigadas para as EE. OO. II., esta tarefa en concreto trata sobre valores, crenzas e actitudes
(music).
- Contidos léxico-semánticos: vocabulario relacionado cos valores, crenzas e actitudes.
- Contido discursivo: para que un texto sexa válido debe ter coherencia e presentar unha cohesión interna.
Os
criterios de avaliación, xunto cos estándares de aprendizaxe, para o
Intermedio 2, seleccionados para esta tarefa son os seguintes:
- Comprensión oral: identificar o sentido xeral e os detalles específicos de conversas e discusións informais sobre temas cotiás.
- Expresión e interacción oral: interactuar de maneira cooperativa, cunha relativa fluidez, con corrección suficiente e pronunciación claramente intelixible para poder ser comprendido, a pesar do acento estranxeiro.
- Comprensión de lectura: comprender a información relevante dos textos, mediante claves lingüísticas e non lingüísticas.
- Expresión e interacción escrita: comunicar con eficacia as ideas principais que se queren transmitir limitando a mensaxe aos coñecementos que se posúen ou, no seu caso, aos medios de que se dispón.
Para rematar, gustaríame dicir que a análise dos distintos
métodos de ensino de linguas me pareceu moi interesante e positiva na miña
aprendizaxe. Aínda que xa tiña algunhas nocións sobre estes métodos, puiden
profundar un pouco máis neles e descubrir algúns novos. Coido que todos os
profesores temos a obriga de formarnos e tomar en consideración todas as
metodoloxías existentes para intentar sacar a mellor das conclusións e poder
aplicalas na nosa propia actividade profesional.
REFERENCIAS:
REFERENCIAS:
Cabrera Mariscal, Marta. Revisión de los diferentes enfoques y métodos existentes a lo largo de
la historia para la enseñanza de lenguas extranjeras. TFG. http://tauja.ujaen.es/bitstream/10953.1/890/7/TFG_CabreraMariscal,Marta.pdf
Otero Bravo, Cruz. Enfoques
y métodos en la enseñanza de lenguas en un percurso hacia la competencia
educativa: ¿Dónde entra la gramática?
CVC https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/asele/pdf/09/09_0422.pdf
No hay comentarios:
Publicar un comentario