martes, 30 de enero de 2018

DIARIO: APRENDIZAXE DE LINGUAS ESTRANXEIRAS E SITUACIÓNS DE ENSINO





Segundo o DRAG, ensinar é «facer adquirir  a alguén o coñecemento ou a práctica dunha cousa». Pero como lograr semellante obxectivo. Non é tan sinxelo como parece. Partindo da base de que se teñan os coñecementos necesarios sobre unha materia, o seguinte paso consiste en planificar como transmitir eses coñecementos ou práctica dun xeito efectivo. Por iso é tan importante saber cales son as diferentes situacións ás que un profesor se debe enfrontar. De todos os aspectos tan importantes traballados nas dúas sesións sobre a aprendizaxe de linguas estranxeiras e as situacións de ensino, voume centrar en dous elementos que considero moi importantes: a idade do alumnado e as características do centro no que se estuda.



Xa comentei en entradas anteriores que me parecía máis necesario enfocar o investimento público nun ensino de calidade para os máis pequenos, posto que é claramente na máis tenra infancia cando o proceso de aprendizaxe de linguas é máis natural e eficaz. A medida que pasan os anos, as orellas «péchanse» aos sons que non nos son familiares, o proceso deixa de ser natural, a iso engádense a inhibición e a necesidade de comprender as estruturas e comparalas co modelo propio no código aprendido en primeiro lugar. Todo iso dificulta o proceso de aprendizaxe. En función, por tanto, da idade dos alumnos, un profesor ten que escoller unha temática e unhas actividades diversas. Sería moi interesante que houbese charlas ou cursos para profesores nas que se explicasen os avances científicos no funcionamento do cerebro no proceso de aprendizaxe. Talvez sería máis necesario que o profesorado recibise unha formación máis específica para seren capaces de adaptar os contidos ás necesidades dos alumnos en función da súa idade e singularidade. En ocasións, atopámonos con manuais para niveis baixos orientados a estudantes, cunhas temáticas determinadas que non se axustan tan ben cando se trata con adultos ou viceversa. Neses casos, o profesor ten que adaptar os contidos do manual ou directamente crear outras actividades alternativas. Ata que punto os profesores están plenamente formados para saber como adaptar eses contidos. Normalmente é un labor individual no que a experiencia axuda, pero coido que é algo que se debería traballar de xeito máis concreto. Non é algo que se aprenda de xeito inmediato. Como dicía Picasso, que a inspiración nos colla traballando.


Ademais da idade, tamén é importante saber cales son as características do centro, cales son as expectativas, a rendición de contas e as esixencias de cara ao profesor, mais tamén de cara aos alumnos.  Por exemplo, resulta moi difícil  chegar a ser profesor nun centro público, pero sorprendentemente unha vez acadada a posición, hai poucos mecanismos de control sobre a calidade do traballo do profesorado. É máis doado chegar a traballar nun centro privado, sen embargo, o control sobre este tipo de profesores e moito máis esixente e as condicións non son as mesmas. Evidentemente isto vai afectar á forma de traballar. Os profesores tamén necesitan coñecer os recursos dos que se dispón, o tempo, o número de alumnos, o apoio do departamento, etc. Todas esas variables son moi relevantes. Non é igual unha clase de adolescentes de secundaria ou bacharelato, que un grupo de adultos nunca Escola Oficial de Idiomas.  


En definitiva, preparar unha clase é algo máis que coñecer os contidos e intentar transmitilos. Hai que saber a quen se transmiten, onde e en que condicións para poder elaborar as estratexias máis axeitadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario