martes, 30 de enero de 2018

DIARIO: PRIMEIRA SESIÓN CON ANA


                A primeira clase con Ana foi coma un sopro de aire fresco. Dende a súa actitude corporal, a linguaxe non verbal, a voz, todo amosaba dun xeito evidente a experiencia nas aulas. Precisamente isto xerou un ambiente agradable e motivou a participación da xente, porque aínda que somos alumnos universitarios, as clases grupais non se diferencian tanto das clases con adolescentes. É sempre necesario manter a atención e crear dinamismo na clase, especialmente en sesións tan longas. En definitiva, a teoría aplicada á práctica.


                Precisamente a clase versou sobre a importancia do enfoque comunicativo, sobre como lograr captar a atención do alumnado para lograr unha máxima participación. Resultou moi interesante realizar diversas actividades coma se nós fósemos os propios alumnos. Creo que é moi relevante que os profesores nunca perdan a perspectiva dos alumnos, que saiban poñerse na súa pel, para decatarse de que tipo de actividades poden resultar máis atractivas e efectivas. Se non entendemos ao alumnado, se non exercemos ese exercicio de empatía, é imposible lograr unha comunicación real.


                Ademais das actividades, Ana explicou con exemplos reais a diferenza entre exercicio, actividade, tarefa e proxecto. Conceptos aparentemente sinxelos, pero que nos custou entender con claridade ao principio do mestrado. Foi moi interesante comprobar que si é posible realizar proxectos se se conta cun bo equipo. Gustoume moito o proxecto do Carlos Casares, a publicación do libro, os debuxos. Ese tipo de actividades son as que os alumnos sempre levarán con eles. E é que, ao final, o máis importante é lograr que os alumnos se impliquen, que queiran aprender por si mesmos, espertar a súa motivación intrínseca. Cando logras ese grado de comunicación con eles, o éxito está garantido. Debo aclarar que para min o éxito é algo máis ca unha nota ou uns contidos específicos. É certo que nos debemos a un programa, etc., pero tamén é necesario unha certa flexibilidade á hora de aplicalos.


                Educar é transmitir, é compartir con xenerosidade os coñecementos previamente aprendidos. É unha cadea constante de transmisión. Falamos a miúdo da importancia da motivación nos alumnos, pero para min, moito máis importante ca iso é a motivación dos profesores.


Ana estaba preocupada porque non lle daba tempo a compartir connosco todo o material que traía preparado, pero ao mesmo tempo mantivo esa flexiblidade da que falaba antes, entendeu que era máis importante aclarar as dúbidas que ían xurdindo, fomentar a participación, dar ese apoio directo da súa experiencia e conseguiu o obxectivo primordial, activar en nós esa enerxía, ese amor pola profesión que desprende.



2 comentarios:

  1. Non teño palabras para agradecerte suficientemente os teus comentarios. Alégrame que entenderas tan ben a miña mensaxe.Da gusto dar clase así. Só un apunte: non estou moi dacordo con Confucio, this job is hard work, but try to be as "minimax" as possible.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas a ti! Tes razón, o traballo é duro, pero moi reconfortante.

      Eliminar