Esta entrada trata sobre as dúas sesións iniciais da materia de Didáctica con Gonzalo, que serviron para afondar nos distintos contextos e situacións nas que se produce
aprendizaxe dunha lingua. Para empezar é importante distinguir os distintos
tipos de linguas. Segundo o contexto de adquisición podemos distinguir entre
tres tipos distintos. En primeiro lugar está a lingua inicial, que é a primeira
lingua que un falante aprende dende que é neno, de modo inconsciente, sen
ningún tipo de intencionalidade. Outro termo frecuente para referirse á lingua
inicial é o de lingua materna, aínda que é un termo menos preciso. Cal sería a
lingua materna dun fillo de inmigrantes que adopta como primeira lingua a
lingua do país no que naceu? Despois da primeira lingua, podemos falar de
lingua segunda. Normalmente trátase dunha lingua vehicular, que se utiliza en
diferentes contextos (administración, ensino…). É habitual en lugares nos que
se fala máis dunha lingua, polo que non ten que ser necesariamente unha lingua
estranxeira. Por último, si podemos falar de lingua estranxeira referíndonos a
unha lingua que se aprende cunha finalidade específica, de xeito consciente,
nun contexto escolar. É necesario aclarar a que nos referimos cando falamos de
lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular. Considérase lingua
habitual aquela que se dá na maioría dos contextos comunicativos, aínda que non
sempre ten por que ser a lingua inicial; por exemplo, no caso dos inmigrantes. Lingua
de traballo é a que se utiliza como medio de comunicación nunha empresa ou
organismo oficial ou nun estado plurilingüe.
Enténdese por lingua vehicular aquela que se utiliza como medio de
comunicación entre falantes de linguas diferentes con finalidades ou
actividades concretas (tamén chamada lingua franca).
No proceso de aprendizaxe
dunha lingua os falantes aprenden fonemas, palabras, construcións, variantes e
variedades lingüísticas: todo iso compón o seu repertorio lingüístico. O que
nos leva a outros dos termos: comunidade lingüística e comunidade de lingua. A
primeira consiste nunha comunidade que comparte un mesmo repertorio lingüístico
de base, a segunda fai referencia a unha comunidade que comparte o coñecemento
e o uso dunha mesma lingua ou variedade lingüística. Cales son os obxectivos da
didáctica das linguas? Enriquecer o repertorio lingüístico e cohesionar unha
comunidade lingüística. É importante diferenciar os tipos de didáctica: da
lingua inicial, da lingua segunda, da lingua estranxeira, o método AICLE, a
aprendizaxe precoz e a aprendizaxe de linguas aplicada a fins específicos. O
que nos leva ás diferentes situacións de ensino.
Centrándonos no ensino de
linguas estranxeiras poderemos distinguir á súa vez entre ensino da L.E. en
idades precoces, no ensino secundario, na formación profesional, nas EE.OO.II,
a adultos e tamén o ensino do castelán como lingua estranxeira. Hai moitas
variables que entran en xogo no proceso de aprendizaxe. É necesario ter en
conta as características dos alumnos, as características do centro e os
obxectivos. Por exemplo, é moi diferente a idade na que se aprende unha lingua,
xa que esta inflúe no desenvolvemento cognitivo e na capacidade de análise e
reflexión dos alumnos. É moi importante para un profesor ter en conta ás
actitudes dos estudantes en función da súa idade. Por exemplo, en secundaria
estaríamos a falar case de adultos, xa que entra en acción o proceso lóxico, a
comparación coas estruturas da lingua inicial, a inhibición, etc. Cando se
empeza a aprender unha lingua normalmente se fai por etapas: en primeiro lugar
se aprende léxico, pouco a pouco se van aprendendo as estruturas gramaticais e,
finalmente, se adquiren as regras socioculturais. É moi importante non
estigmatizar o erro para que os alumnos sexan capaces de avanzar a través
destas etapas.
Outro elemento a ter en
conta no proceso de aprendizaxe é o tipo de lingua que se aprende, podemos
falar de linguas aglutinantes (ex.: alemán) ou analíticas (inglés). Resulta
máis doado o proceso da lingua estranxeira cando pertence á mesma familia
lingüística da lingua inicial, xa que as estruturas son similares. Nos anos 70
apareceu o que Selinker chama interlingua, que sería ese sistema transitorio
que emprega o alumno mentres aprende, no que se produce unha evolución en
espiral (hipótese, revisión e aproximación).
Polo que se refire ás
características do centro, as principais diferenzas residen no control
pedagóxico e financeiro das administracións públicas, as esixencias na formación
e contratación do profesorado e a política de admisión do alumnado. Tamén a
relación docente-discente, que pode variar dunha tradición gramatical ou máis
comunicativa. Habitualmente prodúcese unha mestura entre ambas.
Con respecto aos obxectivos e contidos é importante
diferenciar os niveis de concreción curricular (MCERL, PEC e tamén o PLC dende
2010), a lexislación galega e española en Galicia e as programacións
didácticas. A finalidade dos obxectivos é facilitar a avaliación, probar a
eficacia da metodoloxía, permite reflexionar sobre ás necesidades e, ademais,
serve para adaptarse ás necesidades e intereses dos alumnos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario