Se a primeira sesión
con Ana foi tremendamente motivadora, a sesión con Luz acabou de confirmar o noso
optimismo. A mesma actitude dinámica, a sincronización coa súa compañeira e a
preocupación por chegar ata nós. Esa actitude obrou unha auténtica revolución
nos alumnos. Ao tratarse de dous grupos distintos que nos vamos comentando as
sesións, todos tiñamos xa unha expectativa positiva con respecto a esta nova
profesora e, dende logo, non nos defraudou. Finalmente, a experiencia é moi
importante. Coido que a figura de profesor experto que apoia e ensina ao
profesor novato é máis que necesaria.
A primeira actividade
foi moi divertida, resulta evidente que Luz (co seu permiso) sabe mentir moi
ben, porque era moi difícil deducir das súas respostas cando estaba a faltar á
verdade e cando non. Ademais de crear un ambiente relaxado, do mesmo xeito que
con Ana, foi moi estimulante a realización práctica das actividades propostas.
É o mellor xeito de comprobar se unha actividade pode resultar ou non.
A partir de aí, centrámonos
nas famosas competencias claves. E unha vez máis, a mellor maneira de
comprender a teoría é a través da práctica, por iso Luz amosounos unha morea de
exemplos de como se poden aplicar esas competencias de xeito práctico. Dende
que empezamos o mestrado, escoitamos en moitas ocasións a necesidade de adaptar
os contidos, pero non creo que iso sexa algo que se aprenda sen máis. A
creatividade está moi ben, pero non xorde da nada. A maioría de nós, vimos dun
sistema tradicional no que non só non se valoraba a creatividade, senón que se
penalizaba. Por ese motivo, aprendemos a non ser participativos, a ocultarnos
uns tras dos outros, a non arriscar. Non é tan doado desaprender todo iso. Cal
é a forma máis doada de estimular esa creatividade en adultos para que sexamos
quen de transmitilas aos nosos alumnos? Oxalá houbese unha fórmula máxica.
Indiscutiblemente, non todos somos iguais. Hai persoas máis ou menos creativas,
todos coñecemos a teoría das intelixencias múltiples de Gardner.
Dese xeito, haberá profesores, que dun xeito
natural sexan capaces de desenvolver actividades creativas para os seus alumnos
e os demais terán que «buscarse a vida», procurar exemplos, contrastar
información, etc., probar coa clásica estratexia de ensaio-erro (isto funciona,
isto non). O traballo sempre é necesario. De nada serven as ideas se non hai un
traballo que as acompañe, diso non me cabe dúbida, pero de onde sacar as ideas
xa é outro cantar. Por iso, me parece tan interesante que se apoien os contidos
prácticos con exemplos reais, aplicados con estudantes reais. Foi especialmente
emocionante o vídeo da versión musical da canción de Adele, esa alumna tan
tímida que se sobrepón e logra cantar cun resultado impecable, o pianista, a
gravación de vídeo. Pareceume un exemplo moi fermoso e ademais Luz conseguiu
transmitir indirectamente co brillo dos seus ollos unha mensaxe moi fermosa: o
tremendamente orgullosa que se sentía. Non hai mellor compensación ca esa por
un traballo ben feito.
Toca agora expoñer unha actividade na que se
traballen dúas competencias, ademais da lingüística e aí vai a miña proposta: a
tarefa consiste na tradución e subtitulación dunha canción. Con esta actividade
traballarase a competencia en comunicación lingüística, a competencia dixital,
as competencias sociais e cívicas, aprender a aprender, o sentido da iniciativa
e espírito emprendedor e a conciencia e expresións culturais. Dalgún xeito,
todas as competencias están relacionadas entre si.
O profesor dará a escoller dunha lista unha serie
de cancións de diversos estilos, con contidos aceptables para estudantes, para
que eles escollan. Os alumnos deben traballar en grupos de cinco e traducir a
canción. Unha vez rematada a tradución, os alumnos deben intercambiar a súa
canción cos outros grupos para facer unha revisión e corrección da tradución. O
profesor pode axudar e suxerir posibles traducións e adaptacións, pero sons os
alumnos os que deben facer o traballo. Unha vez traducidas as cancións, coa
axuda do profesor de informática, os alumnos deben subtitulalas. Para iso será
necesario darlles uns coñecementos mínimos sobre o pautado en subtitulación (Guía básica de subtitulación) e
un enlace para descargar un programa gratuíto de subtitulación e o manual de
uso correspondente. Hai dous programas de manexo relativamente sinxelo e intuitivo: Subtitle Workshop ou Aegisub ( Manual Subtitle Workshop, Manual Aegisub)
Os alumnos deben incluír os subtítulos nas dúas
linguas, inglés e castelán ou galego, usando unha cor distinta para cada
idioma. Unha vez feitos os subtítulos hai que incrustalos no vídeo coa axuda
dalgún editor, por exemplo, o Handbrake. Este vídeo final debe subirse á
plataforma Edmodo (plataforma virtual de apoio habitual da clase) indicando a
autoría da tradución e subtitulación das cancións. Opcionalmente pode subirse a
YouTube indicando tamén a autoría (sempre que a páxina nos dea permiso para
publicar os vídeos).
Aínda que esta actividade está aquí enfocada e adaptada para
alumnos de secundaria, que contan co apoio da aula de informática, tiven a
ocasión de poñela en práctica cun grupo de adultos. A parte técnica neste caso
correu da miña parte, xa que as circunstancias así o esixían, pero a conclusión
foi moi positiva. Todos participaron de forma activa, non houbo ausencias nas
xornadas que lle dedicamos á tradución e revisión das cancións e a todos lles
encantou o resultado final.
Comparto aquí o vídeo das dúas cancións
escollidas: Iris (Goo Goo Dolls) e I wish you were here (Pink Floyd, vídeo de David Gilmour).
Antes de nada, moitas gracias polos teus comentarios. É certo, eu sintome moi orgullosa do traballo do alumnado e iso é algo que levo comigo sempre.
ResponderEliminarEncantoume a túa proposta de actividade, seguro que funciona moi ben.Un segundo paso podería ser que, unha vez feita a tradución, adaptala para que podese ser cantada, o cal implica un nivel de creación, xa que ás veces haberá que substitur palabras e mesmo frases completas para que encaixen coa música.
Sí, indubidablemente ese é un nivel máis avanzado. É unha idea estupenda, xa o pensei máis veces, aínda que non me atrevín a dar o paso. Como todo, é cuestión de decidirse.
ResponderEliminar¡Grazas polo comentario e pola suxestión!