No proceso de ensino de linguas estranxeiras, na actualidade o MCER é a
base común pola que se guían a meirande parte de profesores. Habitualmente
están familiarizados coa súa terminoloxía, as competencias, os descriptores e
demais. Con todo, o certo é que maioritariamente se segue a utilizar o modelo
de 1961 de Robert Lado, que distingue catro habilidades e tres elementos
(gramática, vocabulario e pronunciación). A proposta que fai o MCER, sen
embargo, consiste en ter en conta as distintas actividades da lingua ou modos
de comunicación: recepción, interacción, produción e mediación. É dicir,
ademais de introducir as tradicionais actividades que pertencen á competencia
lingüística, engade a competencia sociolingüística e pragmática. Trátase dun
enfoque máis realista, orientado á acción, que contempla a linguaxe como
actividade colaborativa.
Entendemos como actividades de interacción aqueles intercambios orais e
escritos entre dous ou máis individuos mentres que co termo de mediación
referímonos a aquelas actividades que facilitan a comunicación entre persoas
que non se poden comunicar directamente (tradución, interpretación, toma de
notas, reformulación dun texto).
É importante, por tanto, como profesores, aprender a ter en conta estes
elementos tan esenciais e útiles no proceso de aprendizaxe. Por exemplo,
podemos considerar as actividades de comprensión lectora como un proceso
comunicativo no que se comparte información (information transfer) ou no
que adquirimos información nova sobre algo que descoñecemos (information
gap). É especialmente útil «seducir» ao alumnado con lecturas
significativas para eles, por iso é moi importante coñecer aos nosos alumnos,
saber dos seus gustos e intereses. En ocasións, é necesario adaptar o material
para ter en conta casos especiais.
As típicas actividades con textos consisten nunha activación previa do
coñecemento que os alumnos xa poidan ter sobre o tema que se vai ler e achegar
algunhas indicacións que poidan ser necesarias (ampliación de vocabulario,
aclaracións…). Hai diversos exercicios que se poden utilizar para traballar a
comprensión de textos: os típicos de true/false/not given, skimming (para
entender a idea xeral), scanning (na busca de datos concretos), multiple
choice, etc.
Tamén é importante decidir como se vai ler o texto: quen o vai ler. Resulta
útil que sexa o profesor ou que se escoite unha gravación do texto para
traballar a fonética, a entoación, a pronunciación. Polo mesmo motivo, para
poder corrixir estes elementos pode resultar de interés que sexan os alumnos os
que lean. Iso permite coñecer mellor as súas deficiencias e ademais sérvelles
de práctica. Á hora de comprender, un texto ben pronunciado e entoado resulta
máis doado, aínda que para asimilar ben os contidos, considero necesaria unha
segunda lectura silenciosa. Dependendo da extensión do texto, pode traballarse
por bloques ou o texto completo.
Ademais da comprensión lectora, tamén é interesante aproveitar eses textos
para traballar cuestións gramaticais de xeito indirecto (pasivas, condicionais,
reported speech). Outra actividade útil, despois de traballar cun texto
na clase, pode ser a redacción dun comentario a modo de resumo ou conclusión
(preferiblemente para traballar na casa).
En definitiva, é importante darse conta de que non é necesario ter moito
material para traballar, senón saber sacarlle partido ao que se ten diante e
ser quen de adaptalo ao grupo co que se está a traballar. Unha clase pode
parecer improvisada, pero non debería selo en realidade, non debemos perder a
perspectiva de que é o que queremos traballar e como imos facer para
conseguilo. Hai ocasións en que un profesor esquece unhas fotocopias ou ten
algún tipo de imprevisto, neses casos a improvisación é aceptable, pero é
precisamente neses momentos onde as «tablas» non salvarán dun desastre total.
Referencias bibliográficas:
Cores, Esther. La mediación en el nuevo Marco Común Europeo
de Referencia para las Lenguas. (2017)
CVC – Actividades de la lengua.
Efectivamente, con internet o que hai é un exceso de materiais. O que hai é que saber sacarlle bo partido.
ResponderEliminar