Nesta sesión conxunta traballamos distintos
aspectos. Por unha banda, con Ana falamos do CLIL e dos auxiliares de conversa,
mentres que con Luz traballamos sobre as titorías e o PMAR.
Con respecto á metodoloxía CLIL mantivemos un
debate na clase. En xeral, os alumnos tiñamos unha actitude bastante escéptica
con respecto á ilusión de Ana. Probablemente os exemplos ou referencias que nós
temos non coinciden en absoluto coa experiencia persoal e profesional de Ana.
Con todo, non se trata de analizar exemplos ou situación concretas senón de
valorar a súa utilidade máis alá das nosas opinións.
A pesar desta introdución, o certo é que este é un espacio de reflexión, así que compartirei a miña, aínda que admito que poida estar equivocada. Paréceme interesante e útil contemplar a aprendizaxe
de xeito transversal baseándonos nas teorías da andamiaxe e a zona
desenvolvemento próximo de Vigotsky. Tamén considero relevante tomar en
consideración as experiencias en países veciños. De todas formas, e a pesar de ser
profesora de inglés, sigo sen ver claro por que o obxectivo xeral ten que ser a
aprendizaxe de linguas, por riba das outras materias.
O MCER pretende establecer un estándar europeo e fala
de plurilingüísmo e interculturalidade. Unha vez máis a teoría paréceme
interesante, pero na práctica a única lingua que realmente se potencia é o
inglés. Detrás de cada lingua se agocha unha cultura, as sociedades evolucionan
e as linguas con elas. Se falamos galego ou castelán é indubidablemente porque
os romanos estiveron por aquí unha boa tempada, pero sigo resistíndome a esa
invasión cultural (películas, series, videoxogos…) e lingüística. Encántame o
inglés, e creo que é necesario e mesmo imprescindible hoxe en día, pero non me
gusta utilizar anglicismos se podo usar unha expresión en galego ou castelán e
tampouco creo que sexa necesario prescindir dunha cultura de noso. Curiosamente
moitos dos que defenden que os seus fillos aprendan en inglés, escandalízanse
porque os seus fillos aprendan outras materias en galego, porque «iso non serve
para nada». É ese concepto de utilidade o que non me acaba de convencer. Paréceme
que hai moito de política en todo este asunto.
Con todo, é posible que non estea sendo obxectiva e
vou darme a oportunidade de estar equivocada. Seguirei o consello de Ana e
tratarei de ser positiva e buscar un ángulo diferente para ter unha visión máis
ampla sobre este tema.
Con respecto á clase de Luz, tratamos un tema que
me pareceu realmente necesario, as titorías e o PMAR. Para min foi unha sesión
especialmente emocionante porque me lembrou o que me levou a dedicarme ao
ensino. Especialmente a parte dedicada ao PMAR. Dende moi nova comecei axudando
aos meus compañeiros e veciños con dificultades, de aí pasei ás academias e foi
esta experiencia a que me fixo pensar no importante que é axudar a todos eses
rapaces que necesitan basicamente que alguén lles faga crer que son capaces e
lles suba a autoestima. Aínda que pensei moitas veces en dedicarme a outra
profesión que non fose a docencia, a verdade é que finalmente foi sempre un fío
condutor na miña vida que nunca me abandonou. Co tempo descubrín que moitos
adultos necesitaban tamén esa palmadiña nas costas para superar moitas
frustracións que arrastran dende a fase escolar.
En definitiva, paréceme que precisamente un
mestrado que nos habilita para ser profesores debe axudarnos a prepararnos para
ser capaces de traballar non só para os alumnos cómodos, senón tamén para este
tipo de alumnado do que tanto podemos aprender nós.
Tamén a titoría me parece especialmente relevante
porque se poden traballar cos rapaces cuestións moi diversas e moi necesarias:
acoso escolar, problemas familiares, drogas, etc.
Para a miña actividade pensei en traballar a
concienciación sobre as distintas discapacidades. Para iso pediríalles aos
alumnos que probasen distintas situacións. En primeiro lugar, pediríalles a
todos que fixesen varios círculos (en grupos de 5 aproximadamente). De xeito
individual, estes alumnos deberían tapar os ollos cun pano e tratar de moverse
na zona da aula que lles corresponda. Deberían intentar chegar ata unha mesa,
sentar, coller os libros, erguerse de novo, dar uns pasos. O papel dos
compañeiros sería o de evitar calquera tropezo ou dano físico. A continuación,
terían que probar a andar cunha soa perna. Sempre de xeito individual por
grupos para que todos poidan sentir as dificultades. A seguinte opción sería
que puxesen uns auriculares con música moi alta (para poder simular sordeira) e
que tratasen de comunicarse con xestos cos seus compañeiros. Despois pediríalles que intentasen ler un libro empezando polo lado dereito da páxina e cara á dereita. Outra actividade
que se podería facer despois con toda a clase é un Kahoot con preguntas moi
complexas nun tempo moi breve, que a todos lles resultasen especialmente difíciles
para que comprendan como se senten aqueles que necesiten aprender a outro
ritmo. Por último, preguntaríalles como se sentiron eles durante a actividade e intentaría establecer unha
conversa sobre o tema e aclararlles as dúbidas que lles fosen xurdindo.
A idea é que os alumnos reflexionen e se conciencien das dificultades reais ás que se enfrontan moitas persoas cada día.
Precisamente se eu teño unha actitude de ilusión como ti dis, respecto ó ensino CLIL, é porque deixo a un lado calquera consideración política. Claro que sei dos seus defectos e carencias, pero aínda así,creo que temos que saber separar e facer todo o que poidamos para que os nosos alumnos aprendan. hai xente que boicotea por razóns políticas. Eu non estou dacordo con esa postura.
ResponderEliminarEu tampouco creo que deba sabotar ningún proxecto. Unha cousa é ser críticos e outra moi distinta é iso. E ademais coido que a ilusión é vital en calquera proxecto que se faga, sexan cales sexan os obstáculos. De feito, a túa postura fíxome pensar que talvez estea algo equivocada con respecto a todo isto. É importante estar sempres abertos e receptivos. Ninguén ten a verdade absoluta.
ResponderEliminarExcelente reflexión sobre o papel do profesorado co alumnado que precisa máis axuda. Serías unha excelente profesora de PMAR. A actividade de titoría paréceme estupenda, a colaboración entre compañeiros é esencial para que unha aula (sexa PNMAR ou non) funcione como un verdadeiro learning environment.
ResponderEliminarMoitas grazas, Luz!
Eliminar