A escrita é a gran
esquecida nos procesos de aprendizaxe, pero non só na aprendizaxe de linguas,
senón no sistema educativo en xeral. A miúdo, os problemas que presentan os
alumnos son cuestión de base, algo tan sinxelo coma saber que nunha redacción
debe haber polo menos tres elementos clave: unha introdución, o desenvolvemento
propiamente do tema e unha conclusión. Así que, ás veces, é necesario facer un
recordatorio da estrutura básica e, sobre todo, explicar que os textos teñen vida
propia. Dende o principio ao final debe haber un fío condutor, unha idea clara
do que se quere dicir. Cando sabes o que queres dicir, é máis doado atopar as
palabras. Por exemplo, nos nosos blogues. O máis difícil non é redactalos,
senón atopar a idea, sen que sexa un calco das entradas anteriores, que resulte
minimamente orixinal ou, cando menos, interesante.
Volvendo á aprendizaxe
de linguas, normalmente os textos cos que ten que traballar un alumno en inglés
son os essays (descriptive, discursive or
argumentative), articles, emails or lettesr, reviews e reports. É importante que os alumnos saiban cando deben dar a súa
opinión e cando non, que tipo de linguaxe é a máis axeitada, o rexistro, a
necesidade de engadir título ou subtítulo, a necesidade de incluír exemplo; no
caso dos correos ou cartas, as típicas fórmulas de saúdo e despedida. Ademais,
sería conveniente entregarlles unha lista de conectores, explicarlles cando se
deben usar, etc. En definitiva, os profesores deben achegar toda esa
información aos alumnos, traballar os tipos de textos por separado e incluír
moitos exemplos que lles sirvan aos alumnos de referencia.
Unha vez aclarados os
aspectos formais, hai outro aspecto igual de relevante ou talvez máis: a
creatividade. Coido que ese é un traballo previo esencial. Precisamente para
axudar aos alumnos a atopar esas ideas é bo traballar con eles, axudarlles a
descubrir a súa propia capacidade. Desmitificar e «liberar» os prexuízos que ás
veces nos impiden escribir con liberdade. Para iso son moi útiles todos os
recursos que estivemos vendo na clase. A miña proposta de actividade vai nesa
liña. De feito, púxena en práctica hai tempo con dous grupos distintos e en
ambos casos funcionou moi ben e lles serviu de estímulo. Trátase dunha
actividade para facer na casa, aínda que despois o resultado final se
compartirá na clase con todos os alumnos.
A idea é moi sinxela, similar ás comentadas na aula.
Despois de escoller unha orde de alumnos (ao chou, utilizando a orde alfabética,
etc.), eu entrégolle unha primeira liña do texto ao primeiro alumno. Este ten
que completar un parágrafo enteiro e despois debe enviarllo ao seguinte da
lista por correo e a min en copia. O segundo alumno debe escribir un novo parágrafo
e enviarllo ao seguinte (tamén a min) e así sucesivamente, pero o alumno que
continúa a redacción só pode ver o que escribiu o compañeiro anterior, nunca o
texto completo que se vai formando entre todos. Eu son a que vai unindo todos
os parágrafos. Nunca clase de moitos alumnos, talvez escribir un parágrafo sexa
demasiado, un par de liñas pode ser suficiente. O resultado final sempre é moi
divertido porque a historia vai variando dun xeito extraordinario, dependendo
da imaxinación dos alumnos. Evidentemente hai elementos sen sentido, inconexos,
pero iso mesmo é o que lles fai reflexionar sobre o que comentaba ao principio,
que o máis importante á hora de escribir é ter unha idea. Paréceme unha forma
orixinal de traballar o concepto de cohesión e coherencia para que realmente
comprendan o que iso significa. Ademais tamén fomenta a responsabilidade porque
como todos queren saber como continúa a historia, entre eles mesmos recordan
aos que faltan que completen a súa parte.
O texto final lese en voz alta na clase, entrégase
ao todos os alumnos unha vez rematado, tamén se pode expór no taboleiro da
clase. Failles moita gracia comentar os detalles entre eles e pásano moi ben
durante a lectura. Un complemento á actividade podería ser pedirlles que
intentasen «corrixir» ese texto e darlle outra forma, ou crear eles unha
historia paralela completa, partindo da mesma frase inicial. Hai moitas
variacións posibles para lograr desinhibir aos alumnos antes de entrar nos
aspectos máis formais das redaccións.
Moi boa actividade. En clases numerosas podes facela dividindo a clase por exemplo en catro grupos, polo que habería catro historias. Logo de lidas en clase, pódese facer unha votación pola mellor/máis curiosa/mais tola!
ResponderEliminarTamén me parece que poderías facer unha actividade estupenda partindo da primeira ilustración do teu blog para esta entrada, a do debuxo que se vai completando!Podes dar o punto de partida para que describan a situación (podería ser unha muller nunha clase de aerobic, ou unha bailarina ensayando....). Podes darme a fonte? Gustaríame explorar esas posibilidades!
Moitas grazas polas suxestións. Xustamente non tiña moi claro como axustar a actividade a grupos grandes.
EliminarA fonte da imaxe é esta: https://www.pictaram.org/hashtag/davidJablow